Hemeroteca

1999 (15 Xuño-15 Xullo)

V Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo. Organizado pola Deputación da Coruña.

Exposición colectiva das obras seleccionadas na Facultade de Socioloxía. Mostra composta por 27 traballos (7 esculturas e 20 pinturas) que pasaron a engrosar o patrimonio artístico da Deputación.

Catálogo. Antón expón a obra “Bazar I”, técnica mixta sobre lenzo, 156 x 111 cm.

Texto de Manuel Rivas

A tranquila desolación (Manuel Rivas)

Unha das primeiras noticias certas que tiven de Antón Mouzo foi no curso dunha inundación. As augas do río Pequeno desbordaban polo val de Soneira, agallopaban fóra do curso natural dos ameneiros, asolagaban os campos do maínzo, anegaban os centeos e agatuñaban por valados e pontes, improvisaban fervenzas polas pradarías en aba,e, finalmente, brincaban dos foxos ás estradas con esa atolondrada inocencia que ten a natureza cando intimida aos humanos. A máquina na que eu viaxaba tivo dificultades para remontar as augas e chegar a destino. Logo soupen que a esas horas, nun soto ribeirán de Vimianzo, o pintor Antón Mouzo loitaba por rescatar os seus lenzos do vómito da treboada.

Fóronse as augas camiño do mar da Costa da Morte pero quedou impresa, trascendida en metáfora, a escea do creador facendo fronte ao naufraxio da obra e contemplando logo o pouso do tempo inclemente sobre os lenzos.

O milagro das obras pictóricas, cando se acada, ten moito que ver coa fixación dun intre, coa revelación, coa textura das sensacións que non queren esvaírse na nada. Esas obras atinxen a categoría do extraordinario cando falan de por si e tamén de todo aquilo que non se nos mostra, cando, mesmo ao nacer, teñen o musgue do tempo, a pegada dos restos que emergullen do naufraxio. Un sinte con plenitude esta presencia na obra última de Antón Mouzo. Os que valorábamos o seu dominio técnico, asistimos agora engaiolados á descuberta dun camiño intransitado, á descuberta dun latexo activador de suxerencias. O oficio libérase de retóricas, de modismos, e abre sucos artesáns nunha superficie feita con tiras de pel da historia efímera. Pousa a neve nunha paisaxe desolada de papel prensa. Sobre as vísceras dese mundo que dura un día, deita e encarna Mouzo o que é máis propio do ser humano, chamémoslle alma ou nostalxia.

E é así que os obxectos fálannos de si mesmos, da súa apariencia, e tamén de todo o que non está, de todo o que invocan, de tempos e mundos que nunca se contarán en papel prensa. A sobriedade destas obras é tamén aparente, coma a luz dun espello. Así como tralo carbón está o lume e tralo lume a árbore e trala árbore a semente e a terra, tamén tralo trazo da silueta, das figuras, dos obxectos e da paisaxe insinuada, é posible reconstruir a perplexidade da mirada humana.

A semellanza dun deus, o artista ten o envexable poder de crear mundos. O de Antón Mouzo é o dunha tranquila desolación. Na voráxine das modas, tan persoal aposta adequire a dimensión dunha contrarretórica, dunha saudable e inquedante pescuda. É unha honra poñer letras de molde a este magnífico suceso na pintura galega.


1999 (Outubro-Novembro)

Texto de Xosé Antón Castro Fernández para o catálogo da exposición:

Exposición individual “Cos pés na terra”.

Casa da Parra, Santiago de Compostela.

Xacobeo 99

A pluralidade e a dilución dos xéneros definen, tal vez, mellor que outras calidades a situación de arte actual. Diluir significa, neste caso, rompe-los límites precisos do que considerábamos pintura, escultura ou calquera manifestación artística etiquetada como procedemento estanco, de xeito que un pintor pode non utilizar un pincel e un escultor tampouco a terceira dimensión. Xa que logo, diriamos que nunca foi tan versátil a pintura como na década dos noventa: nela déronse cita tódalas posibilidades da estética contemporánea e nela, unha vez que se logra rompe-la ética tradicional da visión frontal, confluíron os caracteres espacio-temporais dos outros xéneros. Desde a celebrada instalación Rin-zén de Tapies, ós espacios ocupados de Buren, ás postas en escena dos mais novos Abigail lane, Polly Apfelbaum ou Fortuyn O’Brien, por exemplo, a idea de totalidade eleva a pintura ó campo dunha arquitectura ambiental na que pintar é ordena-lo cosmos estético, un aluvión que absorbe o mundo híbrido que estamos a vivir. Mais ó lado desta visión que algúns chaman de campo amplo da pintura –hai quen utiliza o termo francés élargi-, persiste a clásica revisita, que pode ser sempre novidosa, á estructura bidimensional dun lenzo: nada mellor que a abstracción posformalista dos Lasker, Bleckner ou Gordillo, entre outros para comprendela. ¿Ten algo que ve-lo anteriormente exposto coa pintura de Antón Mouzo?.

El que nace como pintor que elaborou un proxecto cunha forte personalidade xa a principios dos oitente, no marco da rebelión atlantista dos mozos galegos daquela xeración, reasumiu os diferentes presentes vivenciais cun filtro tan particular como aberto á percepción do mundo estético que o acollía. Percibilo desde o ocasional retiro de Vimianzo foi un privilexio que afianzou a sua mirada escrutadora, reforzando a análise paciente que nace na mística oriental, que el reivindica como meditación, porque pensa, como o poeta e pintor Henry Michaux, co que garda moitas afinidades na visceralidade exquisita do xesto que constrúe a natureza, que “o mundo exaltado do Oriente é aquí un e total, capaz de expresa-lo summun de éxtase no nome de todos…”. Así e non doutra maneira poderia acercarme á súa última mostra, Cos pés na terra, historia dunha viaxe iniciática á pintura como tódalas pinturas posibles, retornando ás orixes dun tempo que precisou, subliñando a idea de paseo e marcha, co que, pouco a pouco, foi configurando a memoria dos obxectos encontrados, cousas que estaban nos chans da rúa, da cidade ou do campo, cousas que estaban na terra, paos ou envases de bebidas, a mica, que vai iluminar novas posibilidades materiais no seu traballo. E nada máis propio para emblematiza-la viaxe que unhas sólidas botas de madeira de buxo, verdadeira escultura hiperrealista, que se inspiran nas botas do pai, sinal de identidade e patria proustiana dun recordo que o conducirá por camiños complexos: son as botas que se sitúan na terra, as que fixan a madurez do proxecto do artista que percorre un camiño e, ó facelo, amplía as posibilidades da pintura máis aló do muro. Pero os pés na terra son tamén a pegada metonímica que implica unha idea de razón, algo así como á cordura, saber onde un se sitúa, onde quere ir, unha imaxe que para Mouzo arranca simbólicamente dun debuxo feito en 1992: sobre unha estructura superficial de periódicos –a colase é unha constante na súa pintura- os trazos negros, cálidos e nerviosos definen unha paisaxe alborotada de árbores, unha natureza de xestos leves e lixeiros que deveñen finalmente caligrafía escritural e que nos acerca ó Xardín exaltado de Michaux, unha entrada nun Oriente particular. Pero acercarse á natureza en Mouzo é facelo desde unha mítica estética refundada nas mesmas cinzas conceptuais que esparexeran un día tódolos grandes recicladores da arte, desde os dadaístas ata os novos realistas franceses ou os poveras italianos.

Para estes natureza era tamén o artificio urbano, o resto industrial encontrado na rúa. O artista redimensionará a nova vida do obxecto ou do desperdicio e converterá nun vanitas particular a materia reciclada. Velaí onde nace a natureza pictórica do noso home que nos leva a outra imaxe trascendente, segundo os principios da representación: da terra e da rúa ou simplemente das vellas pinturas curtidas ó longo dos anos baixo as escintilacións da mica, principio cardinal en Mouzo, xénese dunha emulsión que refracta o ar e a luz nacarada dos lugares máxicos ou encantados das vellas fábulas. Como outro orientalista excepcionalmente refinado, o Octavio Paz que reinventa a Lévi-Strauss nun novo festín de Esopo, a natureza en Mouzo non é nin unha substancia nin unha cousa; é unha mensaxe e unha estructura que emite significados dirixidos a un receptor disposto a intuí-las claves que se atopan no seu contorno vivencial e cotián. A súa percepción fará posible a unión indisoluble e social dun binomio que define gran parte da arte do presente século: a natureza e a cultura. E a través desta simbiose asistiremos á construcción dunha xeografía e dun territorio poboados de árbores e flores, espacios tradeados pola luz –toda a pintura de Mouzo é unha historia de luz, unha luz cambiante que nos fai palpa-lo tempo-, que alonga a nosa mirada máis aló da realidade. E esta podemos intuíla como representación ou como estructura táctil nun camiño que vai dos cadros as instalacións. Se nos situamos no Cadro das mil flores, un título que nos leva ás mil primaveras emblemáticas e que parece imaxinou Manolo Rivas, a paisaxe cálida de amarelos emulsiona a febre lumínica das margaridas ou dos xirasoles nun enorme xardín que, desde os grosos empastes de pintura, elude o baleiro para privilexia-lo gran territorio da natureza fantástica convertida en all-over, onde o sol ilumina o peso da cor.

Mais este pode coexistir coa levidade e a reciclase dirixirse á superficie do papel artesán: sobre el o artista compón a paisaxe de follas de flores recortadas das vellas latas de coca-cola, de cerveza e doutros refrescos, furadas polos golpes, comprimidas polas rugosidades das pisadas e con restos de cromía. O desperdicio, serializado na matemática dunha composición moi precisa, imaxe dunha verdadeira partitura musical, adquire unha vida particular desde a brillantez da mica e o cadro devén esa historia de luz e tropo dunha natureza recreada na vitrina do coleccionista de bolboretas. Nada que ver coa interpretación da paisaxe como construcción cultural que poderían face-los nosos ollos; é só unha natureza inventada desde a reciclase, pero, ó fin, reflexo desoutra que para Schelling era representación da beleza repousada e tranquila, forza orixinaria do mundo, a que rescata a arte do tempo, sometida ós profundos estremecementos da fantasía. Fronte a ela sitúase, en primeiro lugar, o artista que organiza pacientemente o campo amplo da pintura como estructura visual dun código que terminará por refractar tódolos valores plásticos e tódalas posibilidades da pintura resumidas na composición, onde cada flor que coloca é –e dío o artista- “como un rezo, como unha ladaiña”.

Ese mesmo exercicio reflexivo, temperado pola distancia paciente do que concibe a pintura non só como necesidade expresiva, senón como terapia do espírito, é o que desvelamos nas paixases de árbores, construidos con paos encontrados, que describen a nocturnidade ou a claridade dos días de sol da cidade imaxinada secretamente en parques ou xardíns e a través dunha ramaxe espesa: espacio de luz onde asistimos á transformación do tempo e polo tanto ó cambio na pegada da pintura lonxeva, que lles dá corpo material ás superficies, pintura retomada das vellas cascas de botes abandonados ó longo dos anos, un xeito de presenti-la arqueoloxía da materia e das texturas. Exaltación do dripping e da acción, noutros casos –sucede nos papeis, onde o territorio emulsivo das flores é só un campo cheo de luz-, de brancos reflexos e de liñas cenistas sen retorno, para que as árbores, en medio da nácara da mica prateada, adquiran a dimensión poética e abstracta de espacios sen tempo, de bosques complexos, de verdes refulxentes e brillos que mudan segundo a diferente situación do espectador e a incidencia da luz exterior.

Por iso na pintura de Mouzo é importante o papel do preceptor activo, é dicir, do que constrúe coa mirada, ese voyeur especial que para Marcel Duchamp era necesariamente o finalizador da obra de arte. De xeito que o propio desprazamento implica a aludida idea de cambio no territorio que se nos ofrece como pintura expandida creando continuas mutacións visuais e unha sorte de veladuras e de transparencias por onde flúen os raios irisados dunha luz que ás veces golpea sen pudor a nosa retina. Sen embargo, detrás dos efectos formais descritos, da capacidade rítmica que desvelamos na simetría da fragmentación dos recortes metálicos convertidos en flores, ordenados nun todo, existe na pintura de Mouzo unha humanidade que nos fala do home. Un home que presentimos na súa ausencia, escondido nalgún lugar da paisaxe deserta ou na xeada nerviosa dos debuxos fráxiles do papel de arroz, entre as ramas e os xestos da tinta chinesa. Tal vez nas pegadas e manchas que deixaron as botas de buxo no paseo pictórico que se resiste a despreza-la totalidade do espacio para explica-lo movemento e, xa que logo, a duración constructiva do cadro. E neste espacio, onde se dilúen os xéneros, onde a pintura deixa de ser frontal, segundo os principios da tradición, fica o pintor cos pes na terra, transformando o territorio do chan no gran cadro instalado na arquitectura: sobre un fondo de po de mica Mouzo configura a paisaxe artificial da natureza como representación dunha realidade nova, a mesma que lles preocupara noutra época ós ditos artistas poveras, mais o rigor do artificio convértese nunha xeografia cultural e alquímica poboada de follas metálicas de latón dourado pola acción do ácido. Velaí co camplo amplo da pintura sen pincel, o porqué de que hoxe unha das opcións que está a salvar aquela pasa necesariamente pola reformulación do seu papel fóra da representación ideal. Neste caso o artista elabora o cadro, ocupando un espacio real, observando unha composición, unha luz unha perspectiva e unha cromía que existen como algo palpable, lonxe da ficción. Só existe ficción na imaxe transformada da vexetación, pero acordamos que conceptualmente natureza é tamén –recórdano-lo Giovanni Anselmo, un dos protagonistas da chamada arte pobre- o que existe sobre a terra. Atopalo e reordenalo é función do artista, lonxe xa da mítica sobrevaloración creacional que se lle atribuíu sempre e preto do sentido recreador e selectivo que achegou un día Duchamp á arte do noso século, roubando os obxectos que habitaban o noso contorno.

Este xeito de inventa-la pintura constitúe nos noventa e xa cara ó próximo milenio unha das tarefas mais interesantes que lle resta como alternativa e posibilidade para seguir sorprendéndonos sen cor e sen pinceis. Antón Mouzo soubo comprendelo e a súa mensaxe asumiu os novos códigos que fan que arte, ainda bebendo nas orixes e na tradición , poida ser unha resposta especial ligada á vida, intérprete precoz do mundo que vivimos. E faino desde unha particular mirada escrutadora da natureza, eterna fonte de estética, pero, dicía Schelling, uha arte semellante á dos séculos pasados xa non volverá, posto que aquela -a natureza- xamais se repite.

X. Antón Castro


As botas de Antón Mouzo

Manuel Rivas

As botas de Antón Mouzo son de buxo.

O buxo medra canda a estatura do home

que o plantou.

Se el chega a vello, o buxo terá o largo do ataúde

e o grosor no toro do pulso do morto.

Por iso xa case ninguén planta buxos en Galicia.

Porque os buxos aliméntanse do esterco do

tempo perdido

e requiren unha terra que endexamais teña prezo

o equivalente á sombra dun reloxo de pedra.

Co buxo facíanse punteiros de gaita,

fusos e lanzadeiras do tear

e tamén cabaliños de xoguete.

Esas formas eran, para o buxo,

unha segunda existencia,

pois medraba no vento, no lenzo e nos soños

do xinete da infancia.

Un buxo cortado sen destino

semella unha extremidade serrada,

transmite a dor fantasma da amputación.

Foi así como o encontrou Antón Mouzo.

El tiña a memoria das botas do pai.

Gracias a aquel recordo,

o pai seguía a andar polos carreiros de Soneira.

Subía coas botas ao monte Faro

e arreglaba o repetidor de tv.

O pai devolvía as imaxes á pantalla,

enchía a fiestra escura e fría

daquel tempo innombrable.

Antón reconstruíu coas pernas do buxo

as botas andarinas do pai.

E como diría o carpinteiro Geppetto,

feitas están coa mellor madeira da humanidade.

Irroa, Outono, 1998.